leoeosseus

sábado, 29 de abril de 2017

Misterio de cor celeste



Hoxe fomos a Vigo e había rúas con cartaces como o da foto. Entre a xente que paseaba había afeccionados do Atletic de Bilbao. Supoño que se leron os cartaces preguntaríanse que queren dicir que nin eu sei que queren dicir.
Parece que está de moda dicir cousas que tanto poden significar unha cousa ou a contraria ou cun significado tan sutil, misterioso e volátil coma fume.
Debe de ser como o que dixo o outro día o chibo expiatorio da empresa que dixo que había muita   " lengua veporina " ( mistura de lingua viperina e labio leporino ).

Etiquetas:

mércores, 26 de abril de 2017

Septuaxésimo mes ( e mais dous días )


Aquí temos a Xela saíndo dunha das súas actividades. Ela non quere ir pero despois pásao ben. Tamén hai momentos que non  obedece ou se porta mal pero é tararear a música de " Cumpleaños feliz " e volve ao rego. O ano pasado quedou sen festa de aniversario e este ano quere tela.
E así estamos, cos tiras e aloxas coa nena que me deu un agasallo polo meu cumpreanos con case un mes de retraso que non se lembrou de darmo antes.

Etiquetas: ,

domingo, 23 de abril de 2017

Do 17 ao 22


A volta das vacacións fíxose dura pero xa estamos ao cen por cen de volta na normalidade.
O luns dezasete Xela recibiu de agasallo do Ratiño Pérez polo seu segundo dente unha lanterna para a cabeza e unha bóla plástica que encolle e estira e o primeiro día non apeaba da cabeza a lanterna. Ao Leo caíralle unha moa en Barcelona e recibiu do rato Pérez unha figuriña de Messi e un chupachups.



O outro día para aparcar en Vilaguindastre fun dar a un camiño que non coñecía e que estaba perto de onde vivía José Moreira, o fotógrafo que hai case cen anos fixo esta foto de catro homes almorzando coas súas camisas abrochadas ata o pescozo, os chaleques e a cachola cuberta con boina ou con viseira.
Si que mudaron os tempos !.


Hoxe pasaron uns ciclistas rodeados de máis motos e máis coches que bicicletas competían mentres unha locutora de radio queixábase de que ninguén lle falaba en galego e así non podía aprender que significa " furafollas " que o compañeiro dela lle traduciu en " furahojas ".
En fin: parvadas do directo.


E o día rematou coa comedia teatral " Amigos ata a norte " que nos fixo rir e tamén pensar sobre este triángulo de amor, rancor e amizade e coa morte rondando para complicar  a trama.
Os tres actores foron mui bos.

Etiquetas: , , ,

luns, 17 de abril de 2017

De Barcelona, da ida e da volta


O Leo quería visitar o Camp Nou en Barcelona así que aproveitamos e fixemos a viaxe en coche cos amigos de Marín.
Como era unha longa viaxe paramos a durmir o sábado oito en Pancorbo nun hotel que viviu tempos millores. Pancorbo é unha vila encaixonada entre grandes penedos sobrevoada por aves rapaces e dividida en dous pola estrada, o río e a vía do tren. Ten casas de pedra e uns soportais case enterrados na rúa principal !. Na cafetería El Frontón xuntábase toda a xente e ata había unha peña cabalar con oito cabalos e todo. Quixemos subir á fortaleza de Sta. Engracia pero fíxose tarde e levantouse un aire frío de montaña que nos fixo recuar.


No domingo baixamos pola Rioxa e os seus viñedos naquela terra vermella. Tamén cruzamos anacos de Navarra cruzados por  " yasas ". Logo chégase a Aragón e as terras do Ebro cos seus niños de cegoñas e as Bardenas Reais que semellan un deserto das películas de vaqueiros. E por fin entramos en Cataluña cos seus plantíos de pereiras e pexegueiros e as súas chozas circulares dos pastores. No tramo final xa nos precipitamos cara á costa entre penedías e piñeiros e por fin chegamos a Vilanova i la Geltrú onde tiñamos reservado o aparthotel. Descargamos a equipaxe e, fartos de coche, decidimos pasear polo paseo da praia e logo subimos pola rambla maior.


O luns día dez fomos ata Barcelona en tren o Leo máis eu que tiñamos entrada no Museu do Camp Nou. Como iamos mal de tempo collemos un taxi dun afeccionado do Espanyol mui simpático. Chegamos un chisco fóra da hora pero como había unha riada seguida de xente ninguén dixo nada. Pasamos pola sá dos trofeos e onde explicaban a historia do clube e había fotos e obxectos relacionados. Logo saímos na parte alta onde lle fixen esta foto a Leo. Logo tocou baixar no medio da enxurrada de xente de todo o mundo: coreanos, brasileiros, alemáns, polacos, ingleses e ata outros galegos que sentín falar. Pasamos pola sá de prensa, as tribunas de prensa dende onde retransmiten os partidos e teñen unha vista fenomenal do campo. Logo baixamos ao vestiario do equipo visitante e á capela ante de saír ao campo.

 
Logo saímos pasando polo restaurante e pola macrotenda onde vendían de todo relacionado co Barça; ata vendían herba do campo de fútbol !.
Xuntámonos co resto do grupo polo Passeig de Gràcia, xantamos por alí e collemos un autobús para ir ao Parc Güell.

 
 
Parc Güell está mui ben pero saturado de xente mesmo na zona de pago. Na zona gratuita hai artistas tocando ou debuxando e vendedores de auga. Dende logo Gaudí era un artista e Barcelona sen Gaudí non sería a mesma Barcelona. Facía calor e un dron voando cerca da xente fixo que a maioría nos gozase das vistas sobre a cidade. Alí probei a cervexa barcelonesa Moritz que me soubo a gloria con aquela calor.
 
 
O martes once empezamos coa visita do zoo. Estivemos mirando a charla sobre os leóns mariños e as súas diferenzas con respecto ás focas. O zoo era grande e tiña un parque infantil mui bo pero repleto de xente. Logo levantouse aire e caíron flores das árbores que lle entraron nos ollos a Leo e a R. e querían marchar para o hotel. Mesmo R. que quería mirar os " cabíparas " ( capibaras ) non lles fixo muito caso cando chegamos onda eles.
Saímos polo Parc de la Ciutadella cheo de xente facendo ioga, xogando, tocando música, facendo equilibrios e malabares ou, simplemente, paseando coma nós.
 
 
Seguimos polo distrito del Born e fomos ao centro cultural e logo fomos ata a catedral despois de mercar souvenirs para os nenos e patacas fritas salgadísimas.
Despóis si que marchamos para o hotel dende a Estació de França nun tren de dous pisos.
 
 
O mércores doce os nenos gozaron da area e da praia pola mañá. Á tarde volvemos a Barcelona para seguir visitándoa e desta volta tocoulle á Sagrada Familia que miramos por fóra que cobraban muito por entrar e máis por subir. Acercámonos ás Ramblas en metro e logo baixamos ata a Marina. Todo isto é mui turístico e está cheo de curiosidades como os mimos que están logradísimos ou os vendedores que escapan da policía en canto a cheira. Como tamén hai ricos que proban un coche por 88 euros durante quince minutos.
 
 
 
 
 
 
 
O xoves catorce collemos os coches para acercarnos a Barcelona e fomos á CosmoCaixa que é como unha casa das ciencias pero enorme. A visita foi curta pero había para botar todo o día alí e Einstein parecía estar vivo.
 
 
Os nenos querían ir ao Museu de Xocolata e alá fomos. A entrada é unha chocolatina e hai aparellos para facer chocolate, explican a súa historia e despóis hai figuras feitas de chocolate dentro de vitrinas para que non se derretan e non as coman os nenos, supoño.
 
 
Despóis tocou visitar Montjuic e subimos algúns no teleférico que, teño que dicilo, é carísimo para o que é: non hai dous quilómetros de percorrido e dura cinco minutos a baixada e outros tantos a subida. Unha vez e nunca máis. Iso si, dende alí hai boas vistas.
 
 
Despóis aparcamos " cerca " do Poble Espanyol pero non entramos que era tarde e bastante caro. Fomos á praza de Espanya a admirar a Font Màgica que a partir das nove encende a auga con luces e música dignas de admirar como faciamos nós e os centos de persoas sentados alí na escalinata. Isto foi gratis igual que a actuación duns breakdancers que o facían mui ben. Xela soltou unha frase para lembrar cando admiraba a fonte: " Esto nunca lo olvidaré. "
Deixo unas fotos pero millor ver un vídeo ou admiralo in situ.
 
 
 
 
Estas imaxes foron unha boa despedida de Barcelona: unha cidade espectacular e cosmopolita que afronta un futuro incerto.
 

 
 
O venres catorce despedímonos de Cataluña e cruzamos o meridiano de Greenwich en Aragón que ben poderían aproveitar para facer unha área de descanso para facer unha foto cunha perna do oeste e outra no leste.
 
 
Pasamos as paisaxes do domingo pasado e chegamos a Ledigos, unha viliña palentina e tranquila que ten un albergue usado maioritariamente por pelegríns que van camiño de Santiago.
 
 
O albergue era unha casona fundada pola Morena, unha muller guapa de nome exótico como Priscila. Demos unha volta polas calellas silandeiras de casas feitas de pallabarro e chegamos ao pé do niño da cegoña que estaba chocando o ovo deste ano. Ceamos no albergue contundentemente e ao día seguinte partimos cara a casa.
 
E mañá empezan o cole os nenos que á altura de Ourense coreaban no coche: " Queremos dormir en un hotel. Queremos dormir en un hotel. "
 
O bo tamén se acaba, nonsí ?.






Etiquetas:

xoves, 6 de abril de 2017

Ecoloxismo VS " culoxismo "

 
Este día pedía unha volta pola natureza e acerqueime ata Orbenlle a ver como estaba a lagoa.



Nun cruce de camiños do camiño de Santiago había dúas pedras a modo de asento e un Cristo pequeno enterrado mirando algo.


Ese algo é toda unha exposición de arte dun pintor local que ten un blogo parado onde sain algunhas das súas obras.
O pintor é Xai Oscar.


A un paso están as Gándaras de Budiño co terreo onde estaba o centro de interpretación onde morreu un veciño que andaba aproveitando material daquela ruina.
Ao final a natureza recupera o espazo perdido.


Eu estaba feliz facendo fotos a cartaces ou á lagoa tratando de cazar coa cámara algún parrulo ou outro animal cando noto que hai un home mirándome dende outro observatorio. Tiña a man nun vulto da entreperna e caín da burra de por que habían dous homes máis por alí, sós e sen cámaras: o lugar non era para ecoloxistas senón para " culoxistas ".


Marchei de alí  co rabo entre as pernas ( nunca millor dito ) con dous homes seguíndome coa mirada.
Montei no coche e fun a Vilaguindastre para limpar a mente e a vista pero, como de casualidade, aparquei detrás do coche este de nome tan " curioso ". Semellaba unha maldición que me seguía !.

Bueno, son cousas que pasan e así as conto.

Etiquetas: , , ,

luns, 3 de abril de 2017

Entrou abril


Rematou marzo coa carretada de agasallos que levei para min: que se bombóns, que se pantalóns, que se entradas para teatro, que se libros, que se cervexas artesás, que se produtos ecolóxicos e sibaritas.

E abril comezou con Xela que foi onde non tiña que ir e non me seguía e escondinme dela e logo non me topaba na galería Durán. Nuns segundos armouse unha enleada cos camareiros das galerías e unha dependenta dun comercio con Xela no medio co seu panda de peluxe chorando que non me atopaba. Logo abrazouse a min e xa non me escapaba; aprendeu co susto. Máis tarde díxome que tres cousas levaría a unha illa: a Naideleo, xoguetes e unha hamburguesa. Púxenlle cara de sorpresa e díxome: " ¿ Qué ?. Estaba indecisa entre tú o una hamburguesa pero tengo que comer, ¿ no ?. "
No domingo amenceron rotondas con globos azuis do día do autismo e fixo unha tarde boa para dar unha paseata por Arbo adiante e mirar o corticeiro sen pólas caídas polas tormentas ou como amplían a adega das Laxas. Por sorte non atopamos o lobo como atopou a bisavoa Celia e relatou por enésima vez e que o siga contando que vai para os noventa e dous anos.

Etiquetas: , , ,