leoeosseus

martes, 29 de maio de 2018

Zaragallada de temas


Andando polo mundo cos ollos abertos podes retratar niños de anduriñas pola barriada cunha gaivota que se cruzou para " estropear " a foto. Hai que aproveitar que as anduriñas cada ano que pasa son menos.



Na interrede hai de todo e aprendín este truco para multiplicar cos dedos. Na imaxe copiada semella difícil pero non o é.




E polo mundo real hai intentos de publicitar en galego e como seica mola mogollón puxeron un TE de máis. En galego correcto sería: " Pasa ao pastoreo ". Ese " Pásate " faime lembrar ao meu xefe castelán cando me manda limpar: " Recógete esta zona ".
E falando de galego aprendín outro significado de alpabarda que descoñecía. Eu sabía o significado de roupa abrigosa de máis ou de persoa que non se enteira, pero non sabía que era outro nome do peixe alcrica, chandarme, nela ou agulla.

Etiquetas: , ,

sábado, 26 de maio de 2018

Cans 2018


Hoxe Xela tivo o seu bautizo de festival de Cans. Fomos no autobús dende o centro de Vilaguindastre. Paseamos entre as casas cos cans pendurados e a xente coas súas camisolas desta edición ou doutras anteriores e os sombreiros de palla de Mahou. Fomos á parte onde está a caravana coas películas infantís, compramos churros de chocolate e tamén había unha vaca de propaganda Deleite camiñando entre o público. Logo montamos nun chimpín como o da foto  e a Xela gustoulle a experiencia e máis cando mirou un neno que baixou do chimpín e corría atrás del para volver montar.  Botamos unhas carreiras pai VS filla por unha encosta e logo marchamos que empezaba a pingar un chisco.

Etiquetas: ,

venres, 25 de maio de 2018

Octoséximo terceiro mes ( e mais un día )


A xoubiña vai camiño do sétimo aniversario anque non sabemos se vai celebralo cos amiguiños porque está un chisco rabuda. O malo é que ten a man lixeira e xa lle zoscou a dous amigos. A ver se controla ese carácter.
Cando estivo castigada sen tele nin aparellos electrónicos adicouse a ler libros do récord Guinness e nunca leu tanto. Préstanlle as curiosidades e así se enfrascou cos libros eses.
Por outra banda o Leíño chegou do cruceiro e chegou contento e contando historias do barco e da xente. Semella que ata medrou, colleu máis responsabilidade e que lle mudou a voz.
Médrannos os fillos.

Etiquetas: ,

domingo, 20 de maio de 2018

Método OPOL


Remata a semana das Letras Galegas e estiven reflexionando sobre as linguas, as súas misturas e os seus valores.
Todo empezou cando o Leo a semana pasada traduciu á machada unha frase miña. Eu falo galego sempre e dixen ás doce cando soou unha bucina fóra: " Aí vén a do peixe " e Leo traduciume " ¿ La del pez ? ". Rimos todos, claro. Como cando pedín unha palliña nun bar e a camareira traduciume ( como fan case sempre ) " ¿ Una pajilla ? " e se puxo colorada.
E hoxe descubro que hai un método chamado OPOL ( one parent, one language ) para ensinar idiomas na casa que consiste en falar un idioma cada proxenitor cos fillos e hai muita xente que o fai en inglés e español e que dá os seus resultados pero cando é inglés e galego aí xa falla. Falamos de La Coru, evidentemente.
Saíndo desa cidade a min tamén me fallou pero non por iso deixo de falar galego que algo sempre quedará.
Deixo unha canción en galenglish ou englego do grupo Boys e vacas, como ten que ser.
Porque os idiomas suman.

Etiquetas:

venres, 18 de maio de 2018

DLG 2018


Mentres Leo está en Roma nós temos que facer vida normal. Onte, día das letras galegas, marchamos a Redondela aos títeres. Xela gustou da actuación deste home co seu moneco con tantos fíos que ata movía nariz, orellas e lingua aparte do resto típico. A actuación estivo mui simpática co monicreque que voaba coas orellas ou que quería pegar ao manipulador cando lle erguía o peluquín. Tamén mandaron subir a catro nenos a facer o que facía o monicreque e eles fixeron ata que o monicreque se levantou e quedou no aire.
Xela e o amigo L. déronlle de comer aos parrulos do río e ata se deixan tocar. Logo visitamos o mercadillo, fomos ao parque infantil e para casa.

Etiquetas:

mércores, 16 de maio de 2018

Leo navegando


Leo saiu de viaxe o luns pero case non monta no avión porque tiña medo. Dende o día que volvemos de Londres con mal tempo e unha aterraxe complicada o neno non quere saber de avións. Menos mal que o seu profe aguantou ata o último momento e logramos convencer a Leo de que montase no avión da foto.
Foi de Santiago a Barcelona en avión e alí colleu o barco Costa Diadema para facer o cruceiro polo Mediterráneo. Onte recalaron en Mallorca e agora mesmo están camiño de Palermo, en Sicilia. Seino pola páxina web esta de CruiserMapper onde sain os cruceiros de todo o mundo a tempo real.
Supomos que Leo estará máis tranquilo agora no barco cos amigos explorando todo. O barco parece que está mui ben. É novo e ata ten robots que atenden á xente: Peppers !.
A verdade é que botamos de menos a Leo todos incluindo a Xela. Nunca estivemos lonxe del máis de dous días.
Ogallá que o pase ben e que chegue pronto o luns vindeiro.

Etiquetas:

domingo, 13 de maio de 2018

Libros e cancións


Onte fomos xantar a Portugal e logo demos unha voltiña para tomar café polo centro de Monçao. O parque tiña as árbores adornadas de motivos florais e con cartaces pendurados coma este da foto.
Vai ser o día das letras galegas e quixen ler algo de María Victoria Moreno e lin " Anagnórise " dunha atacada na tarde e gustoume. Non me gustou que empezase falando de seixos negros coma se existisen pero hai que recoñecerlle á escritora que tiña un bo dominio do idioma a pesar de vir de fóra e aprender galego de adulta. O final da novela foi ben curioso.
No centro de Vilaguindastre houbo a feira do libro coas catro casetas de sempre e merquei o último do Bichero.
Logo á noite houbo sesión musical co festival de Eurovisión e as curiosidades del que botaron a seguir. Portugal este ano quedou fatal e España por aí lle rondou. Gañou unha canción que non me chistaba nada pero xa sei que o meu gusto musical está desfasado aparte do pouco que sei. Prestábame máis a canción de Alemaña ou a de Noruega ou mesmo a danesa e a italiana que viña a conto co de París que acontecía case ao mesmo tempo. Bueno, eles saben.
E hoxe estamos cos preparativos para Leo que mañá se nos vai de viaxe de fin de curso.

Etiquetas: , ,

mércores, 9 de maio de 2018

Coellos en Londres


Onte fomos Xela máis eu  mirar " Peter Rabbit ". Gustoume o reais que son os coellos e demais animais que sain na película onde luitan contra un home que non quere que entren na súa horta. Hai un momento que están por Londres e fíxome lembrar a miña estadía alí e a viaxe do ano pasado. A película é unha boa aposta inglesa por este tipo de cinema que está case copado polos norteamericanos.

Etiquetas:

sábado, 5 de maio de 2018

Graduación e Lamborghini


Onte foi a graduación de Leo e os seus compañeiros. Foi unha cerimonia completa con desfile dos graduados, vídeos onde saían con dous anos e na actualidade e un vídeo simpático do seu percorrido polo colexio, dende excursións a desfiles e actividades extraescolares a o propio traballo na clase. Houbo unhas palabras do seu último profesor que sei que deixará unha boa lembranza nos nenos.
Logo foi a cea, reparto de agasallos ( o profe estaba de aniversario e levou agasallos dos nenos ) e baile.

E hoxe queriamos xantar en Meira pero fechou o restaurante onde queriamos ir. Fomos a outro onde aparcou un Lamborghini que no camiño cheo de coches polas obras na ponte de Rande case me dá por atrás uns minutos antes. O Lamborghini aparcou enriba da beirarúa e baixou Iago Aspas que ía pedir algo para levar a casa. Pedímoslle un autógrafo e pregunteille por unha tatuaxe que tiña no brazo dereito e que inda está a curar.
Gústanme estas sorpresas !.

Etiquetas: ,

martes, 1 de maio de 2018

Maio empeza

 
Outro primeiro de maio e no asunto laboral penso eu que o emprego en xeral é inestable e mal pago. Os empresarios gañaron muitos privilexios estes anos a costa dos empregados que teñen menos dereitos e teñen que apandar co que hai.
 
É o que hai !.
 
Na imaxe unha pancarta acorde cos tempos: protesta con retranca bilingüe.
 

Etiquetas: