leoeosseus

Friday, 29 September 2017

Once anos ( e mais dous días )


O nécoro medra e fainos máis vellos a todos. Agora é un mociño que me pasa polos ombreiros e que segue a medrar en todos os aspectos.
Mañá terá a festa cos compañeiros na escola vella. Non quere ir ao cinema coma estes anos pasados e prefire xogar ao fútbol cos compañeiros. O fútbol e o seu mundo ao redor segue interesándolle e non está mal. Polo menos así relaciónase cos compañeiros que lle facía muita falta.
A Leo non lle gusta posar para foto e esta é a que millor me saiu.

Labels:

Sunday, 24 September 2017

Septuaxésimo quinto mes


Aquí está a xoubiña conducindo na festa co amigo que a invita á súa casa con frecuencia.
Ela segue sen comer e brincando coma se nada. Este curso non vai a patinaxe pero quere seguir con ioga e entrará en Taekwondo se hai Anpa no colexio. Gústalle a tele e a tablet e catro contos para ler antes de durmir como " Los amigos del señor Croc " ou " Un, dous, tres, que ves ? ". Segue argallando ideas ou inventos e non parou ata aprender a botar peidos coa man no sobaco como facía Mehdi.
Nada, que progresa.

Labels:

Saturday, 23 September 2017

Empezan as festas


Si. As festas de Vilaguindastre deron comezo e onte estivemos un anaco no espectáculo de " Cachoscheques ".


Esta mañá había unha película que finalmente foi aprazada ata o luns.
O pregón deuno Diego Giráldez que falou de lembranzas nesta vila e dixo que ata o fillo está de cumpreanos nas festas.
No meu caso hai máis coincidencias. Vin vivir a Vilaguindastre nas festas de 1976, cando ardeu o edificio da foto; o concello. Empecei de noivo con Naideleo na festa anos despois. Casamos tamén con Vilaguindastre en festas e o Leo foi nacer... Xa adiviñaches: nas festas de Vilaguindastre.



 
 
Pasaron os cabezudos para ledicia dalgúns nenos ou para asustar algúns coma Leo e Xela.
 




E hoxe actuou o mago Martín Camiña que fixo unha mui boa actuación e demostración de bo humor. Para min que non hai truco e que fixo maxia de verdade.
E houbo palomitas, churros de chocolate, tren chuchú e carrusel.
E a festa segue !.

Labels:

Thursday, 21 September 2017

Rir a pesar de todo


Hoxe rematan as miñas vacacións, empeza a chover e raiáronme o coche pero hai que rir a pesar de todo.
Graciñas a Canto Ghalpón.

Labels: ,

Sunday, 17 September 2017

O " quitateimas "


Empezou setembro e abrochan por aquí e alá cursos, actividades e colecións de fascículos. Eu, por exemplo, mirei este cartaz que retrato e habería ata tres cursos que me enchen o ollo. O caso é que non os podo facer por motivos de traballo unha; e para atender os nenos, outra; que Naideleo non vai poder estar co eles nas tardes.
Adicareime a aprender palabras novas pola interrede como " de pachena ", expresión curiosa do Ferrol que significa estar deitado bocarriba.
Por certo, aprendín hoxe pero no mundo real e da boca do tío Pepe o nome de " quitateimas " para o Smartphone. Que non sabes o número de habitantes de Catalunya, se naceu antes Beiras ou Fraga ou queres calcular a distancia dende casa ao instituto ?. Pois preguntas ao móbil e xa che quita esa teima.
E así pasa o tempo.

Labels: ,

Saturday, 16 September 2017

Polo paseo da Canuda


Despois de xantarmos na pizzaria Don Genaro en Monçao por primeira vez, fomos andar polo paseo da Canuda en Salvaterra.


Camiñando podes descubrir detalles pequenos como cartaces reivindicativos ou o feixe de niños de anduriña nas colunas do cuartel da policía.



Lendo os paneis tamén se pode descubrir o único tipo de peixe que medra cando sae da auga.


Xela quería agabear por toda canta altura topaba e menos mal que non entrou na obra das piscinas de auga termal que non dan rematado: sería capaz de entrar na cuarta piscina que estaba chea de auga con rás !.
Esperamos volver cando estea rematado e gozar da auga termal.

Labels:

Friday, 15 September 2017

Vendima 2017

 

Parida por mil augas.
Imaxe chea de soles.
Celme das nosas terras.
Olorosa resposta á caricia da man que te traballa.
Lecer intenso e condensado que rebenta na boca.
Eterna e fráxil.
Totalmente unha e xenerosamente repetida.
Así es ti, uva.

Labels:

Wednesday, 13 September 2017

Patos, choros e ratos


Non é o Caurel, non. É o río Louro ao seu paso por Vilaguindastre cos seus parrulos ou patos que gozan deste tempo revolto acorde coa volta ao cole. Falando da volta, o Leo tivo un baixón con choro incluido porque foi mui curto este verán, seica. Xela, en troques, está contente que entra pola outra porta do cole, xa está no patio grande e non ten deberes como lle porfiaba o irmán.
E o mundo segue coas súas historias grandes ou pequenas como a das rapazas que querían saber nun banco se aínda era válido un billete de cinco euros rillado por ratos e feito unha verdadeira piltrafa.

Labels: ,

Tuesday, 12 September 2017

Polo Caurel


Decicimos rematar as vacacións na tranquilidade do Caurel así que fomos a un bungalow con altillo con camas para os nenos.


No día seguinte pegamos unha camiñada dende Vilamor a Vilar. Foi unha baixada por un camiño pendente estreito ata o río Lor e logo unha subida por entre castiñeiros, carballos e érbedos. No camiño saltaban sapos ou rás escuras diminutas que ían cara o río. Na foto está Leo cun castiñeiro caído que semellaba a cabeza dun dragón na entrada de Vilar. Percorremos a aldea ata a Fonte da Saúde.


En Vilar falamos con Juan Sánchez que mantén un museu etnográfico e cuida o entorno onde vive e pide axuda a través do libro de visitas.

 
Logo tocou a volta lixeira para topar sitio para xantar na Casa Comerciante. Alí xantamos a fartar empanada de acelgas, truitas, ensalada, cabrito, milanesa e sobremesas como a tarta de castañas que probei e é exquisita. O servizo foi rápido e simpático pero o prezo semelloume un chisco excesivo.
Demos unha volta pola aldea Vilamor e estaba pechada A Cova da Moura; algo máis ca unha cantina.
 
 
 
 
Logo fomos en coche a Seceda: aldea restaurada ( mantén muitas pegatinas en cristais de ventás e portas ) con pouca xente á vista.
 
 
Só miramos dúas velliñas cunha gata de varias cores. Iso si; exercitamos o deporte extremo de esquivo de cagalletas ata a igrexa.
 
Nun recuncho había un Santiago de pedra e un mapa da península ibérica feita por algún neno nunha pizarra.

 

 
Seceda durmía a sesta no medio do souto como outras aldeas da zona.
 
 
 
Antes de que se decatasen os nenos decidimos tirar cara a Romeor e o seu túnel-acueduto romano.
Romeor non ten o encanto das outras aldeas pero ten unha igrexa pequena e moderna cun buraco cómodo para as esmolas. Había vacas, galiñas, cans e gatos a esgalla.
 



Eu pensaba que o camiño ata o túnel-acueduto era curto pero era un quilómetro trescentos metros que se ía inclinando bastante: ata hai que subir por un regato seco !.
 
 
Todo o esforzo non serviu para nada porque o túnel case ao principio xa tiña auga e non sabiamos que final tiña e o longo que era: unha auténtica aventura !.
 
 
Volvemos ao Acampamento do Caurel e ceamos exquisitamente como a noite anterior.
No domingo tocaba abandoar o cámping e decidimos voltar a Quiroga seguindo a estrada de Seoane e Ferramulín.
Pasamos cerca dos restos do Castelo de Carbedo e antes do Alto do Couto fixen unha foto co Monte Formigueiros á esquerda, a Devesa da Rogueira ocupando toda a foto e a aldea de Moreda á dereita.
Estes lugares quedan pendentes doutra visita porque o Caurel ten bastante para admirar con máis vagar.
 

 
A estrada pasa por Visuña, Ferramulín, A Seara, Soldón, etc que merecerían unha parada que non fixemos.
Si que fixemos unha rota curta na fervenza de Vieiros no río Selmo que se complicou pola falla de sinalización e que rematamos sen saber se a fixemos ben ou non. O caso é que nos chegamos á fervenza pasando polos sequeiros abandonados ( casetos onde almacenaban e secaban as castañas ) e logo cruzamos o río. Máis tarde pasamos unha pontella de madeira e xa non sabiamos que camiño seguir. Subimos por  un souto poboado de castiñeiros e sequeiros esborroados uns e enteiros outros e chegamos ao coche.
 
 
Saimos dalí e xa tiramos cara a Quiroga. Na vila dos galegocalantes xantamos polbo e pólo ao allo como a xente que saiu da misa do domingo.
Máis tarde fixemos outra parada en Ourense e subimos á ponte do Milenio. E ese foi o remate da viaxe. Contamos con volver polo Caurel e, quen sabe ?; ao millor topamos o anel da princesa do Caurel.
 
 





Labels:

Tuesday, 5 September 2017

Marchou Mehdi


Si. Mehdi marchou e deixou un baleiro difícil de definir. A verdade é que da ilusión do principio fomos chegando a unha sensación amarga de que a cousa non funcionou. Foi todo. A diferenza de caracteres dos nenos e a barreira do idioma deu lugar a situacións demasiado tensas e un ambiente tenso difícil de levar e non queremos repetir a experiencia.
Agora quedan as boas lembranzas e palabras que aprendemos del.
Como di a avoaM: Que teñas suertiña na vida !.

Labels: ,

Sunday, 3 September 2017

Alá foi agosto

 
 
Unha fin de semana estivemos por terras do Salnés e comprobamos a picaresca das zonas turísticas onde ofrecen unha cousa e é mentira como o tamaño e a vista dun apartamento ou cando queren cobrar unha hamburguesa de máis ou os prezos e a calidade que non están acordes. Iso si, volvemos visitar a aldea dos Grobit e evitamos a marabunta da praia e a calor nunha piscina patrullada por anduriñas que cazaban a rente da auga. 
 

 
 
Tamén fomos ao centro comercial de Braga onde había unha mostra de Playmobil para goce dos pequenos.
 

 
 
Á volta paramos en Ponte de Lima onde soubemos da lenda do río do esquecemento. Fomos pola vila no tren turístico.
 

 
 
Tamén houbo tempo para ir aos parques de Mos, de Tui ( con cea no eterno Fornos ) e de Vilaguindastre. Un día fomos ao Museo do Mar ( onde Mehdi se aburría e dicía " Jolín ! " todo o tempo ).
Un día divertíronse co " A tropa do Doutor Milagre " e non faltou piscina en Tui e en Melgaço ( que lle encanta a Mehdi ) e praia de Cesantes.
 

 
Setembro empezou cunha viaxiña en barco de Vigo a Cangas e meter o coche no aparcamento robotizado do Náutico.
Agora xa falta pouco para que comencen as clases e menos aínda a Mehdi para a súa volta ao Sáhara.

Labels: ,