leoeosseus

luns, 17 de abril de 2017

De Barcelona, da ida e da volta


O Leo quería visitar o Camp Nou en Barcelona así que aproveitamos e fixemos a viaxe en coche cos amigos de Marín.
Como era unha longa viaxe paramos a durmir o sábado oito en Pancorbo nun hotel que viviu tempos millores. Pancorbo é unha vila encaixonada entre grandes penedos sobrevoada por aves rapaces e dividida en dous pola estrada, o río e a vía do tren. Ten casas de pedra e uns soportais case enterrados na rúa principal !. Na cafetería El Frontón xuntábase toda a xente e ata había unha peña cabalar con oito cabalos e todo. Quixemos subir á fortaleza de Sta. Engracia pero fíxose tarde e levantouse un aire frío de montaña que nos fixo recuar.


No domingo baixamos pola Rioxa e os seus viñedos naquela terra vermella. Tamén cruzamos anacos de Navarra cruzados por  " yasas ". Logo chégase a Aragón e as terras do Ebro cos seus niños de cegoñas e as Bardenas Reais que semellan un deserto das películas de vaqueiros. E por fin entramos en Cataluña cos seus plantíos de pereiras e pexegueiros e as súas chozas circulares dos pastores. No tramo final xa nos precipitamos cara á costa entre penedías e piñeiros e por fin chegamos a Vilanova i la Geltrú onde tiñamos reservado o aparthotel. Descargamos a equipaxe e, fartos de coche, decidimos pasear polo paseo da praia e logo subimos pola rambla maior.


O luns día dez fomos ata Barcelona en tren o Leo máis eu que tiñamos entrada no Museu do Camp Nou. Como iamos mal de tempo collemos un taxi dun afeccionado do Espanyol mui simpático. Chegamos un chisco fóra da hora pero como había unha riada seguida de xente ninguén dixo nada. Pasamos pola sá dos trofeos e onde explicaban a historia do clube e había fotos e obxectos relacionados. Logo saímos na parte alta onde lle fixen esta foto a Leo. Logo tocou baixar no medio da enxurrada de xente de todo o mundo: coreanos, brasileiros, alemáns, polacos, ingleses e ata outros galegos que sentín falar. Pasamos pola sá de prensa, as tribunas de prensa dende onde retransmiten os partidos e teñen unha vista fenomenal do campo. Logo baixamos ao vestiario do equipo visitante e á capela ante de saír ao campo.

 
Logo saímos pasando polo restaurante e pola macrotenda onde vendían de todo relacionado co Barça; ata vendían herba do campo de fútbol !.
Xuntámonos co resto do grupo polo Passeig de Gràcia, xantamos por alí e collemos un autobús para ir ao Parc Güell.

 
 
Parc Güell está mui ben pero saturado de xente mesmo na zona de pago. Na zona gratuita hai artistas tocando ou debuxando e vendedores de auga. Dende logo Gaudí era un artista e Barcelona sen Gaudí non sería a mesma Barcelona. Facía calor e un dron voando cerca da xente fixo que a maioría nos gozase das vistas sobre a cidade. Alí probei a cervexa barcelonesa Moritz que me soubo a gloria con aquela calor.
 
 
O martes once empezamos coa visita do zoo. Estivemos mirando a charla sobre os leóns mariños e as súas diferenzas con respecto ás focas. O zoo era grande e tiña un parque infantil mui bo pero repleto de xente. Logo levantouse aire e caíron flores das árbores que lle entraron nos ollos a Leo e a R. e querían marchar para o hotel. Mesmo R. que quería mirar os " cabíparas " ( capibaras ) non lles fixo muito caso cando chegamos onda eles.
Saímos polo Parc de la Ciutadella cheo de xente facendo ioga, xogando, tocando música, facendo equilibrios e malabares ou, simplemente, paseando coma nós.
 
 
Seguimos polo distrito del Born e fomos ao centro cultural e logo fomos ata a catedral despois de mercar souvenirs para os nenos e patacas fritas salgadísimas.
Despóis si que marchamos para o hotel dende a Estació de França nun tren de dous pisos.
 
 
O mércores doce os nenos gozaron da area e da praia pola mañá. Á tarde volvemos a Barcelona para seguir visitándoa e desta volta tocoulle á Sagrada Familia que miramos por fóra que cobraban muito por entrar e máis por subir. Acercámonos ás Ramblas en metro e logo baixamos ata a Marina. Todo isto é mui turístico e está cheo de curiosidades como os mimos que están logradísimos ou os vendedores que escapan da policía en canto a cheira. Como tamén hai ricos que proban un coche por 88 euros durante quince minutos.
 
 
 
 
 
 
 
O xoves catorce collemos os coches para acercarnos a Barcelona e fomos á CosmoCaixa que é como unha casa das ciencias pero enorme. A visita foi curta pero había para botar todo o día alí e Einstein parecía estar vivo.
 
 
Os nenos querían ir ao Museu de Xocolata e alá fomos. A entrada é unha chocolatina e hai aparellos para facer chocolate, explican a súa historia e despóis hai figuras feitas de chocolate dentro de vitrinas para que non se derretan e non as coman os nenos, supoño.
 
 
Despóis tocou visitar Montjuic e subimos algúns no teleférico que, teño que dicilo, é carísimo para o que é: non hai dous quilómetros de percorrido e dura cinco minutos a baixada e outros tantos a subida. Unha vez e nunca máis. Iso si, dende alí hai boas vistas.
 
 
Despóis aparcamos " cerca " do Poble Espanyol pero non entramos que era tarde e bastante caro. Fomos á praza de Espanya a admirar a Font Màgica que a partir das nove encende a auga con luces e música dignas de admirar como faciamos nós e os centos de persoas sentados alí na escalinata. Isto foi gratis igual que a actuación duns breakdancers que o facían mui ben. Xela soltou unha frase para lembrar cando admiraba a fonte: " Esto nunca lo olvidaré. "
Deixo unas fotos pero millor ver un vídeo ou admiralo in situ.
 
 
 
 
Estas imaxes foron unha boa despedida de Barcelona: unha cidade espectacular e cosmopolita que afronta un futuro incerto.
 

 
 
O venres catorce despedímonos de Cataluña e cruzamos o meridiano de Greenwich en Aragón que ben poderían aproveitar para facer unha área de descanso para facer unha foto cunha perna do oeste e outra no leste.
 
 
Pasamos as paisaxes do domingo pasado e chegamos a Ledigos, unha viliña palentina e tranquila que ten un albergue usado maioritariamente por pelegríns que van camiño de Santiago.
 
 
O albergue era unha casona fundada pola Morena, unha muller guapa de nome exótico como Priscila. Demos unha volta polas calellas silandeiras de casas feitas de pallabarro e chegamos ao pé do niño da cegoña que estaba chocando o ovo deste ano. Ceamos no albergue contundentemente e ao día seguinte partimos cara a casa.
 
E mañá empezan o cole os nenos que á altura de Ourense coreaban no coche: " Queremos dormir en un hotel. Queremos dormir en un hotel. "
 
O bo tamén se acaba, nonsí ?.






Etiquetas:

1 comentarios:

Ás 23/04/17, 17:02 , Blogger Paz Zeltia dixo...

Que viaxe tan ben aproveitada! Sobre todo Xela parece que levará esa fonte máxica na memoria toda a vida! :) Ela non sabe aínda cantas maxias lle quedan por descubrir.
Anoto que para visitar ben Barcelona hay que levar cartos abondo... inda que o espectáculo das rúas, que é o máis vivo, ese sempre é gratuíto.

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio