leoeosseus

Thursday, 27 May 2010

Corenta e catro meses


O Leo avanza no plano físico e así bota carreiriñas e salta cos dous pés xuntos e quere subir escaleiras de dous en dous chanzos. Noutros nenos isto non é de extrañar pero si en Leo que tardaba un pouco en adquirir estas habilidades. Outra cualidade que está desenrolando é o debuxo e di a profe Maite que debuxa millor ca ela. Gústalle debuxar casas e nenos coa mamá.
En canto á persoalidade, podo dicir que está adquirindo ironía e empeza a dicir mentiras e xa non é o inocente que xogaba ás agachadas e dicía que estaba escondido en tal sitio.
No falar está adquirindo muito castelán e xa di o verbo " hacer " ( en muitas persoas ), " cayó ", algúns verbos compostos, esquece muitos ditongos galegos, intercala determinantes galegos e casteláns sen xeito e di " os ", " o ", " el ", "las ", etc, ao tuntún. Está ampliando o vocabulario en castelán e ata entristece un pouco cando fala muitas veces de Bob Esponja no canto de Bob Esponxa. Agora di muitas veces " pero " no canto de " can " e hai muitos " cerditos ", " ovejas ", " caballitos ", " mariposas ", etc ; no seu mundo. Xa non di " árbole " e cada vez hai máis " cielos " con " estrellas " no canto de " ceo " con " estrelas ". Algunhas veces mete formas españolas en partes do corpo e tamén conta en castelán muitas veces. O que si noto é que conosco parece que trata de conservar o seu galego. Supoño que será unha fase longa ata que distinga con quen é máis normal falar un idioma ou o outro.
E así vai !.

Labels:

12 Comments:

At 27/05/2010, 23:36 , Blogger ♥ meninheira ♥ said...

Pois é, éche así o da lingua, os pequenos a van abandonando ao redor dos 3-4 anos. A ver se tí tes sorte e despois toma conciencia de que con vos fala galego.

Un biquiño

 
At 27/05/2010, 23:45 , Blogger Eva G. Rei said...

Non te preocupes que é un proceso normal. Despois das castrapadas que fixo Uxía durante o ensino infantil iso non é nada; e xa ves, aínda que fala castelán coas amiguiñas do cole, nos contextos onde estamos "nós" só fala galego; mesmo hoxe, que fomos cortar o pelo, falou todo o tempo en galego cos perruqueiros, e iso que son castelán falantes. Mesmo conseguiu que unha das perruqueiras lle comezase a falar galego!
E Xesús con todo o "disperso" que está coa pre-adolescencia, díxonos o outro día - despois de escoitar que aprobaran o decreto do plurilingüismo - que o ano que vén el ía falar galego tamén na clase de matemáticas.
Non está todo perdido...

 
At 28/05/2010, 00:47 , Blogger Dilaida said...

Leo está estupendo e polo que comentas está a seguir unha aprendizaxe normal para a súa idade e ademais cada vez vese máis guapo.

 
At 28/05/2010, 09:52 , Blogger pablo gonzalez said...

ola, paideleo.

non te preocupes pola linguaxe de leo, ata os 8 anos seguirá a confundir ambos idiomas e lle custará un pouco (so un pouco) identificar onde se fala máis cada un deles, pero a cambio terá máis capacidade de aprender calquera outro, será máis intelixente e aberto ás ideas. E o melor de todo é que o vai a pasar de maravilla aprendendo todo iso. Dame envexa.

un saúdo.

 
At 28/05/2010, 11:20 , Blogger fonsilleda said...

É o que debe suceder co bilingüismo. Nunca esquecín a unha avoa que, na rúa ateigada de tráfico, dicíalle ao neto: "Coidado co coche" e o neto respondía cheo de razón: "non é un coche avoa, é unha vuatir" (voiture).
Boa foto de Leo
Saúdos

 
At 28/05/2010, 15:54 , Anonymous A nena do paraugas said...

O que máis me gusta do teu blog é a devoción coa que falas de Leo. As crianzas son o meu punto débil. Contar e anotar na miña memoria cada paso que dan, parte do meu traballo e a razón pola que me dedico á docencia.
Non hai nada máis fermoso que velas medrar e gozar coa súa medra.

Parabéns!

 
At 28/05/2010, 17:35 , Blogger Xabres da Teixeira said...

¡Está feito un cacho mozo xá!Deica pouco irá a "mili".
No te preocupes polo idioma xa falará o galego.
Eu teño un fillo que foi castelan-parlante, hasta que con cerca de vinte anos foi pasar uns días o Pais Vasco, e voltou falando galego.

 
At 29/05/2010, 01:12 , Blogger Kaplan said...

Vexo todo normal, mesmo o da lingua, non se inquiete. A miña, cando lle dá por aí, até fala castelán coas bonecas

 
At 30/05/2010, 00:55 , Anonymous Zeltia said...

E que a influenza do castelán e moitísima; pero despois falará como lle conveña en cada momento, según con quén estea e no que lle falen. E chegará un momento en que "decidirá", conscientemente, en qué língua vai falar.


Da gusto velo medrar, ó Leo.

 
At 30/05/2010, 12:09 , Blogger Chousa da Alcandra said...

Está feito un mozo!. Un día destes vaiche pedir vinte euros para ir á discoteca.

 
At 01/06/2010, 08:39 , Blogger Aldabra said...

cando vos dedes conta xa estará saíndo da casa cara á universidade... disfrutádeo todo o que poidades.
bicos,

 
At 01/06/2010, 10:35 , Anonymous Alex Ghalpon said...

Unha e outra vez a mesma historia, cantas veces imos ter que loitar contra a castelanización que sofren os nosos nenos e nenas na escola... E logo os outros ladran as súas mentiras. En fin, o Leo ha seguir tan fermoso e galego falante, así lle pasou a meu irmán, a miñas curmás... É a nosa esperanza, non? Bicos

 

Post a Comment

Subscribe to Post Comments [Atom]

Links to this post:

Create a Link

<< Home