leoeosseus

Tuesday, 16 March 2010

O xogador das mandarinas


O outro día andei a fotografar casas que vai tirar o AVE ao seu paso por Vilaguindastre e lembrei un acontecido que vivín nun bar que había no baixo da casa da foto. O conto foi hai máis de vinte anos e eu era novo e daquela andaba como quen di a dúas velas, sen cartos. Topei cun amigo e díxome que no bar había un home que convidaba ás consumicións coa condición de xogar ás cartas co el e alá me apuntei eu. Presentoumo e sentamos os tres a xogar ao subastado.O tal home pediu un cubata para el e para nós cervexas. Botamos un tempo xogando ás cartas e o xogador só facía chimpar glorios ou chanqueiros, fumar e comer mandarinas que tiña nunha prata sen perder a concentración nos puntos e nas cartas que saltaban á mesa. Todo ía ben ata que o meu amigo fixo un renuncio sen querer e botou unha carta que non correspondía. O xogador encendeuse e púxose a berrar e deu por rematado o xogo todo encomodado. Nós marchamos coas orellas gachas e fóra do bar comenteille ao amigo como se puxera o home, que tampouco era para tanto. O meu amigo díxome que non era de extrañar porque o comedor de mandarinas botara dez anos no cárcere por matar a un nunha partida de naipes. Non teño que dicir que non volvín por aquel bar nunha tempada beeen longa; non todos os días coñece un a un asasino !.

Labels:

10 Comments:

At 16/03/2010, 13:38 , Blogger Ana said...

Minha nae, da que libraste.
nunca pensaras conocer ti a un asesino de carne e osso.

Bicos

 
At 16/03/2010, 14:31 , Blogger Dilaida said...

E ao fin quen pagou a consumición e as mandarinas?.
Bicos

 
At 16/03/2010, 15:29 , Blogger Carlos Sousa said...

Menudo cagazo. O que é non saber, entrouche o medo cando xa estabas fora do bar e sen perigo aparente, e mentras estabas xogando ás cartas con él, estabas disfrutando e tomando unha cervexa polo morro. Haiche cousas

 
At 16/03/2010, 21:18 , Blogger Chousa da Alcandra said...

Eu pregúntome o mesmo que Dilaida. Pagastes vos as cervexas ou, a pesares da mala uva, pagounas o comedor de mandarinas?

 
At 17/03/2010, 01:25 , Blogger fonsilleda said...

Jajajajaja. Mi madriña que medo.
Pero aqueles glorios non os pagastes ou si?

 
At 17/03/2010, 13:45 , Blogger Eva G. Rei said...

Tiñas que alongar máis o final da historia, que soubo a pouco...
O que ía ben é que dixeras que tiverades que paghar os ghlorios ou que saístes a escape do local...
E ti como sabes as casas que van chimpar co AVE?
A algunhas, como a da foto, non lle vén mal, que son feas de carallo!
(síntoo polos donos)

 
At 17/03/2010, 19:40 , Blogger Aldabra said...

nada menos que de cartas... que medo!

bicos.

¡magoa da casa!

 
At 17/03/2010, 22:40 , Blogger zeltia said...

... e secadra eu teño coñecido a un asasino e non o sei. o que sí é seguro é que non xoguei ó subastado con él (porque non sei xogar ó subastado, quixen recibir unhas clases de tute pero sólo conseguía ofrecimentos para xogar ó teto)

eu tamén sinto curiosidade do teu percorrido polas casas que van tirar para o paso do AVE. aquí hai que contar todo!

 
At 21/03/2010, 22:55 , Blogger paideleo said...

Ana: pois parece broma pero o susto non mo quitou ninguén.
Dilaida: pagou el as consumicións e as mandarinas traíaas da casa.
Carlos Sousa: chego a sabelo e non xogo. Ou polo menos non pido bebida.
Chousa da Alcandra: sería asasino pero cumpría co trato e pagou o que había na mesa.
fonsilleda: non pagamos nadiña pero tampouco quixen saber máis del.
Eva G. Rei: foi hai muito tempo e só lembro un par de detalles máis pero intrascendentes. Non saímos fuxindo pero eu algo mosca polo enfado tremendo que tiña a personaxe.
Sei dalgunhas casas por un folleto cun plano que mandou o PSG de Vilaguindastre á casa.
A casa é así pero ten un xardín que me encanta.
Aldabra: soa a típico do oeste das películas pero a vida real é así.
zeltia: un asasino non deixa de ser unha persoa máis ou menos normal, supoño. E seguro que coñeces a máis dun sen decatarte.
O resto das casas non teñen unha historia merecente de relatar aquí pero se sei dalgo non dubides que o publico.

 
At 23/03/2010, 20:57 , Blogger BRABIDO said...

O teu amigo ben te pudo avisar antes,menudo susto.

 

Post a Comment

Subscribe to Post Comments [Atom]

Links to this post:

Create a Link

<< Home