leoeosseus

Thursday, 14 January 2010

Liortas e poceiros


Hoxe vou destacar dous asuntos nesta miña vida sinxela. A profe Maite separou a Leo e Carlos que estaban enganchados nunha liorta pola bolsa da merenda sen consecuencias. A nai de Carlos, que foi o que iniciou todo, ofreceume que lle pegase no cu ao seu fillo. Eu, por suposto que non lle peguei e fíxenlle dicir que non ía repetir a pelexa con Leo nin con ninguén. Por fortuna todo quedou nun amago de bullying, que é como lle chaman agora ás pelexas de rapaces.

O outro asunto que destaco foi o tema que falamos no tempo do taco do choio. Resulta que na empresa hai unha fuga de auga subterránea e chamaron a un poceiro para que atine co lugar da avaría. Pois resulta que o tal home é quen de adiviñar por onde foxe a auga co sistema do péndulo. Eu sabía do sistema da galla de salgueiro, amieiro ou de vimbio que seica agarras con forza do pau e tira a punta para abaixo alá onde hai muita auga. Pero non coñecía o sistema do péndulo. Este método consiste en soster unha cadea de prata cun reloxio de pulso na punta ( non valen dixitais ). O home vai andando e cando hai auga o reloxio empeza a facer círculos. Canta máis auga, máis rapidamente xira e ata pode saber os metros de fondura que hai que cavar. Para iso piden que lle boten unhas pedriñas ou moedas na man libre que pon de cazo apoiada nas costas. Manda parar e logo conta; tantas unidades, tantos metros que hai que cavar.

Non sei. A min seméllame un pouco fantasioso pero os compañeiros teiman en que atinan e hai que crerllo. Tamén din que é famoso un tal " Bomba " que atina co sitio pero que non di os metros que hai que cavar.

Na imaxe sae un pozo dun xardín de Vigo sitiado por edificios esperando o seu turno de demolición.

Labels: , , ,

12 Comments:

At 15/01/2010, 10:30 , Blogger Dilaida said...

Quen merecía o azoute no cu era a nai de Carlos, o malo e que despois ía dicir que fora violencia machista. Di unha amiga miña que non ten fillos, que se pedisen unha oposición para ser pais, algúns íano ter negro de carallo.
Eu si teño visto buscar a auga cun reloxo e funcionar funciona aínda que non sei con que precisión, ao home que vin buscala utilizaba un reloxo de peto cunha cadea.
Bicos

 
At 15/01/2010, 11:48 , Blogger Mer said...

Pobre Carlos, ao final estou segura de que a culpable de todo foi a súa nai e é a que merecía o azote. Pero en fin, non nos poñamos violentos e perdonémoslle.

Polas fotos que teño visto por aquí, o Leo está grandísimo.

Unha aperta.

 
At 15/01/2010, 14:46 , Blogger zeltia said...

a foto chamoume moitísimo a atención:
semella
un xardín segredo...


eu teño entendido que os zahorís usan os tres métodos:
a vara,
a varilla,
e o péndulo
e que eles tres poden ser complementarios...
o certo e que a arte da radioestesia e tan tan antiga,
que semella soberbia dicir que é unha patraña,
mais...
que queres que che diga...
haber, haberaas, pero eu non as vin!

 
At 15/01/2010, 17:52 , Blogger ♥ meninheira said...

Pois eu como a Zeltia, habelas hainas non? :) (mas xa contarás como foi o conto).

bicosss

 
At 15/01/2010, 17:53 , Blogger Chousa da Alcandra said...

O da palabrexa para designar a pelexa entre nenos encaixa caralludamente na nova política "tridimensional" da Xunta.

Con respecto ó do péndulo eu xa o tiña escoitado tamén; aínda que a min, cando me viñeron para facer o pozo, empregaron a variña. Eu tamén o tentei; pero quedou claro que non viñen provisto dese don...

 
At 15/01/2010, 18:45 , Blogger Carlos Sousa said...

Que pena que arrúen ese pozo algún día. É fermoso e ten o seu aquel.

Aínda por riba a nai quería que lle deras ti, xa lle vale.

 
At 15/01/2010, 19:21 , Anonymous aopedfarelo said...

Sen comentarios, que despois algun vai ser capaz de denunciarnos por explotacion de menores, acoso sexual....ou sabe DEus que.
A verdade é que o mundo anda revolto e tolo, e penso que mais dun de nos xa perdeu o pouco sentido comun que lle quedaba.
Cando poida mandoche outro CD con fotos, das que ti xa sabes...¿Queres?

 
At 15/01/2010, 19:42 , Blogger Shucran said...

Non coñecía o método do péndulo. Deu co problema e acertou os metros?

 
At 16/01/2010, 11:57 , Blogger fonsilleda said...

Gustoume a maneira en que resolviches a liorta entre os rapaciños.
Do poceiro tería que falar longo, así que me limitarei a dicir que cun dos da e grega de pau tiven unha experiencia que, polo menos, fíxome calar.
Bicos

 
At 16/01/2010, 15:13 , Anonymous peke said...

Hai moitos anos en Francia un señor leume a man coa axuda dun péndulo. Agoiroume tres fillos e non teño ningún, así que, que queres que che diga?

 
At 16/01/2010, 19:10 , Blogger vintxuca said...

Iso de ponher nomes en injlés para denominar liortas entre cativos, ou entre companheiros de traballo... lévase moito....xa sabemos que así semella algo moito máis grave e importante o conto.

O pozo paréceme precioso, a min tamén me chamou a atención a foto, pero o método...heheheeee non sei, non sei...xa contarás se resultou!!!

 
At 16/01/2010, 19:37 , Blogger Kaplan said...

Ese tipo de cousas non se solucionan con azoutas, e aínda menos dándollos un de fóra, como se estivese vingándose ou cobrando unha compensación a golpes.
Aínda ben que a mai do rapaz non culpou de todo á mestra para que levase enriba as azoutas

 

Post a Comment

Subscribe to Post Comments [Atom]

Links to this post:

Create a Link

<< Home