leoeosseus

Monday, 30 November 2009

Sorteo do libro galego


Hoxe é o día trinta de novembro e a man inocente do Leo sacou un papeliño co nome do comentarista Manuel L. Rodrigues como gañador do libro " Alma de can ".


Noraboa para el e que teña sorte o resto dos participantes noutros sorteos.


Agora tócame a min comprobar se me tocou algo !.

Labels:

Saturday, 28 November 2009

Viñas en outono


Menos mal que hai viñas para poder desfrutar das cores do outono. A chuvia destes días está botando abaixo as follas tinxidas das videiras.
Sabías que as follas de vermello escuro corresponden a viñas de tinto e as amarelas a viñas de branco ?.

Labels:

Friday, 27 November 2009

Trinta e oito meses


E como pasa o tempo !. Hai pouco nin andaba nin falaba e agora é un loriño e bota carreiras en sentido contrario a onde queremos ir. Relaciónase máis e nos parques anda atrás dos outros nenos. Canta, baila e ri só. Entretense con monecos, contos e pinturas e a xente queda marabillada do ben que o pasa el só anque hai veces que quere xogar cos pais, claro. Inventa historias onde mistura cousas reais con personaxes ficticios como a Pantera Rosa, Bob Esponxa e os seus amigos e demáis tropa que varía por tempadas. Vai pedindo as súas necesidades pero na escola ten vergonza para pedir. Incrementa as súas habilidades para tratar de calzarse ou beber por unha palliña e xa pinta a cara de Epi ( na foto ) ou fai quebracabezas de poucas pezas ou fai unha casa colocando os lápices de cores. No falar está incrementando o seu vocabulario e pregunta por todo. Ten un lío cos idiomas e mistúraos e así, por exemplo, di bilingua e salomónicamente: " Te pilleite ! ". Tamén me fai graza o seu xeito de contar ata vinte: un, dous, tres, catro, cinco, seis, sete, oito, nove, dez ( agora vén o lío ) , catorce, cinque, desaséis, desasete, desaoito, desanove e desavinte.
Todas as etapas dun neno son boas pero creo que esta é das millores.

Labels:

Thursday, 26 November 2009

Tempo de regalos


Xa empezan a soar as panxoliñas nos supermercados para lembrarnos o perto que temos o Nadal. Pero hai algúns comercios que xa empezaron cos agasallos un mes atrás como Ötzi, o comercio de roupa que ten o nome daquel famoso cazador prehistórico que apareceu desconxelado nos Alpes. Lembro que daquela houbera un rebumbio coa nova e lembro a anécdota dunha australiana que quería ser inseminada con esperma do cazador prehistórico. A muller non tivo esa " sorte " porque lle dixeron que xa non valía o producto. En cambio, eu si tiven a sorte de levar desta tenda un premio ( se lle podemos chamar así a unha simple bolsa de tea ).
Está visto que neste mundo hai que saber de todo; ata tocar a punta do nariz coa lingua !.

Labels:

Tuesday, 24 November 2009

Anexo da matanza

Seguindo a solicitude dalgúns comentaristas vou explicar algunhas palabras do posteo anterior.
As colmeiras de centeo son unha especie de fachucos feitos con centeo como sae na primeira foto.
A Karcher é a pistola de auga a presión. A vide do xamón é un tendón pola zona do calcañar. Os courachos son a parte da pel do porco coa graxa pegada. Se son grandes fanse roxóns con eles. Ventrechas son as zonas graxentas debaixo da teta ou no cu do animal e é unha parte de pouco valor. Carroleira é a zona da médula espiñal. O solombo sería a carne das costas cerca da médula. As papelas son as papadas do porco. O munico é un cesto plástico e a bareixa é a mosca que pode criar na carne.

E agora vou pór algunhas fotos desta Galicia caníbal que dicía a canción.
Arriba está o momento do chamuscado para eliminar os pelos dos porcos.


Logo trasládanse na escada a outro lugar para lavalos coa máquina a presión. Hai anos, pero non muitos, lavábanse con auga e frotábanse con pedras.

E aquí está o menda co mandilón preparado para picar carne. A roupa de traballo quedara mollada de ir ao monte a buscar leña e houbo que vestirse deste xeito.

Labels: , ,

Sunday, 22 November 2009

Arte VS tradición


O sábado estivemos por Santiago e fomos de visita ao Museo do Pobo Galego onde Leo quería montar nos barcos " piratas ", preguntou polas vacas dos carros, subiu tódolos chanzos da escaleira de caracol e colleulle medo aos disfraces do entruido. Visitamos o veciño Museo de Arte Contemporánea e a expositora Dora García incluiunos nun texto de Instant Narrative: " Entran un padre y un niño. El padre lleva un neceser y una cazadora oscura. El niño se precipita por la primera puerta a la derecha pero vuelve con el padre. Ven los libros para robar y dudan...El padre sube al niño a los hombros: eso siempre mola ".
Hoxe domingo xa tocou a vida máis pragmática coa matanza dos porcos arriscando 300 euros de multa por cada porco. Foi matalos e chamuscalos con fentos e colmeiras de centeo cunha pedra na boca. Logo houbo que arrincarlles os cascos e lavalos coa Karcher ( un apoio moderno sempre vai ben ). Despóis do almorzo pendurámolos cun ferro enganchado nas vides dos xamóns. Logo fun ao monte por leña de carballo para afumar os chourizos. Topamos con burras de monte, un chaparrón de película e dous cazadores.
Despóis do xantar tocou partir o porco. Semella maxia que coñezan todo o porco e que teñan nome para todo: courachos, ventrechas, carroleira, solombo, papelas, etc, etc. O matachín partía, outros salgaban con salmoura ( mistura de cebola e sal ) e outros picaban para chourizo e chouriza. Eu puxen o mandilón de muller e piquei como puiden. Logo picaron a carne na máquina e fixeron a zorza con viño treixadura, pementón dóce e picante, algo de cebola e algo de sal. Amasaron a mistura nos municos e tapáronse con trapos para que non entre a bareixa. Recollemos e outro día se remexe a zorza e se enchen on chourizos.( mañá non que é fieles defuntos, seica ).
De cea houbo o zarrabullo ( fígado, castañas e pasta de cotobelos ) e arroz con carroleira.
Agora creo que merezo un descanso.

Labels: , , , , ,

Wednesday, 18 November 2009

E pasou unha semana...


Traballo, despedida dun que se xubila, treboada, gripe, repouso, leituras e poucas gañas de sentarme diante do ordenador mantivéronme apartado deste mundiño.
Procurarei reaparecer.

Labels:

Wednesday, 11 November 2009

San Martiño moderno


Como todos estes anos por esta data (2006, 2007, 2008) fun á caza de pións para Leo. Este ano xa foi complicado topar un pión de madeira. Non o había no kiosko do ano pasado, nunha xoguetería dixeron que " Se agotaron " ( forma fina de dicir que non traballan ese tipo de xoguete ), ata entrei nun chinés que soltou un seco " No hay ". Logo busquei nun multiprezos e topei o de plástico amarelo por un euro sesenta. A dependenta díxome que bailaba mui ben pero ten o defecto de que non racha cando xoga. Eu tiña a teima de topar un trompo de madeira e ao final tiven que ir a Marujitaestafadora e topeino ao prezo que dicía ela barato: tres euros !.
Vaia, haberá que adaptarse ás novas tecnoloxías lúdicas que van saír máis baratas e doadas de topar.

Labels:

Tuesday, 10 November 2009

Dositeo e as zarrotas



O domingo aproveitei un descanso da chuvia para apañar as zarrotas da foto.

Estes cogumelos fixéronme lembrar ao meu bisavó Dositeo que andaba de feira en feira hai máis de oitenta anos atrás. Ía camiñando co gando e apañaba as zarrotas para comelas. Pasou o tempo e este saber pasoullo á miña nai e esta a min e agora sigo a cadea e pásolle o coñecemento ao Leo.

Quen lle ía dicir ao Dositeo que andaría polo mundo virtual o seu coñecemento !.

Labels: ,

Friday, 6 November 2009

Huevo, pico, araña


A xenerosidade fixo que Ángel Utrera me enviase unhas fotos preciosas que agradezo muito. E grazas a el descubrín outros fotógrafos como Veiga Roel ou Ramón Dimas.
Entre as fotos que mandou hai esta duns nenos xogando a " Huevo, pico, araña", un xogo que practiquei na escola. Dividiamonos en dous grupos e un grupo apandaba e os outros saltaban enriba. O primeiro en saltar puña os dedos da man facendo a forma dun ovo ou un pico ou unha araña de maneira que non o descubrise o de abaixo e á vista da "madre" que era o rapaz que aguantaba o grupo apoiado nunha parede e o de abaixo tiña que atinar a figura. Se atinaba cambiaban de sitio os grupos e se erraba seguía apandando o grupo de abaixo. Se derreaban ( cedían ao peso ) perdían e volvían saltar os gañadores. Tamén os había bestas que saltaban todos enriba do último que apandaba para que derrease e non apandar.
Tempus fugit !.

Labels: , ,

Wednesday, 4 November 2009

O " Tatuado "



Remataron as miñas vacacións e volvín ao traballo. Hai poucas novidades: un fillo dun compañeiro tivo a gripe A e contrataron un home grande como dous ( semella que a crise imos capeala ). Volvín mirar compañeiros como o " Tatuado ". A primeira impresión que levei del non me gustou muito: leva muitas tatuaxes, estaba serio, falaba pouco e koruño. Pero a medida que pasaba o tempo descubrín o seu perfil máis humano: facía bromas, preocupábase polos animaliños e ata me contou a súa última bondade. Resulta que está proibido fumar pero el vai ao baño igual e alí alivia o vicio. Nese tempo " morto " descubriu unha arañeira e collía el moscas coa man e púñallas á araña. E así fíxose amigo da araña e ata falaba co ela. Pero pasou o tempo e o outro día estaba triste porque a muller da limpeza fixera desaparecer a súa mascota.
En fin, que debaixo dun corpo tatuado pode haber un corazonciño sensible.
A foto é de Doisneau.

Labels: ,

Sunday, 1 November 2009

Halloween en Arbo


Este día de chuvia intensa é o tal para quedar na casa a comer castañas e escuitar historias como a que contou o avóM sobre o día de onte. Xa era noite pecha cando andaban cabalos de monte por fóra da casa e alá foi o avóM axotalos para que non entrasen. Logo de marcharen os cabalos apareceulle na cancela unha " comitiva " de seis ou sete rapaces disfrazados. Os rapaces dixéronlle se lles daba algo ( nada de truco ou trato ). AvóM preguntou porque lles había dar algo e un que ía cunha saba branca e unhas barbas brancas dixo: " Porque eu son Dios ". AvóM topou a excusa perfecta: " Pero Dios dá e non pide. " O rapaz retrucoulle: " Iso era antes. Tamén don Adolfo antes daba ( un cura da zona ) e agora pide." Como tiña razón deulles un euro. E alá marchou a comitiva por eses camiños.
Este paréceme un bo exemplo de adaptación do halloween á retranca galega: un disfraz de Deus pedindo cartos.

Labels: ,