leoeosseus

Thursday, 12 July 2007

A videira do Chumbiño e o tromentelo

Onte foi festivo en Vilaguindastre e en Arbo e aproveitamos para ir xantar alá a Arbo. Mentres case todos durmían a sesta eu dei unha volta polo baixo da casa e mirei este monte de videiras para queimar e lembrei a historia que contara " O Chumbiño " na vendima. Resulta que " O Chumbiño " tiña ó lado da casa unha videira vella que lembraba de toda a vida. Esa videira nunca fallaba e daba viño tódolos anos e viño bo. Esa videira era un amigo fiel e unha verdade coma un templo. Pero pasou o tempo e mudaron as cousas. Chegou un coche á casa e había que facerlle un sitio; e o sitio da videira era o ideal. " O Chumbiño " negábase a arrincar esa videira cumplidora e amiga. A muller teimou e alá foi el cun machado para cortala pero non puido. Só quedaba unha solución. Foi á adega e bebeu viño desa videira e bebeu máis e máis ata que estaba o suficientemente peneque como para facer ese crime. Colleu o machado e ós trompicóns, borracho e chorando cortou a videira para facer leña.
Cando contou isto pasaran ben anos pero aínda se lle humedecían os ollos contándoo.




E para non deixar mal sabor de boca deixo unha foto dun abesouro no tromentelo en Arbo. Os abesouros antes eran poucos pero como agora hai menos abellas parece que eles inzan. O tromentelo empregábase para lavar o pelo e daí vén o dito: " Mozas dalá arriba; con que lavades o pelo ?. Lavámolo cunha pranta do monte que se chama tromentelo. "

Labels: ,

6 Comments:

At 13/07/2007, 00:00 , Anonymous pepe penas said...

Hai moita xente maior que non quere cortar as videiras ainda que que dean pouco froito...din que hai que codalas coma se fixo sempres.

 
At 13/07/2007, 00:58 , Blogger moucho branco said...

Uf, xa van varias historias de ton escuro meu... vas ter que idemnizarnos por danos emocionais, ;)

 
At 13/07/2007, 01:07 , Anonymous homedareia said...

mira ti que coincidencia falar de tromentelo... :)

 
At 13/07/2007, 10:50 , Blogger mueja said...

Cortar unha vide é un crime pero tamén fan boas brasas para asar as sardiñas ou o churrasco. Un dilema.

 
At 13/07/2007, 15:20 , Anonymous F. Miguez said...

O meu avó, que era canteiro, contaba a historia de unha casa feita pola compentecia en Candeán, ou en Cabral, (coido lembrar) que se derrumbara por deixarlle unha parede torta. A razón: salvar unha cepa que cadraba xusto nunha esquina do edificio.
Nos estivemos arrincando a maioría da viña hai uns anos, e a verdade é que sí doe un pouco, porque había moita adicación e moita familia invertida nesas cepas.

 
At 13/07/2007, 18:00 , Blogger kaplan said...

todos, sempre, ao longo da vida, temos que prescindir de cousas moi prezadas. ao final mesmo do noso propio corpo. en fin, non lle quero amolar a tarde...

 

Post a Comment

Subscribe to Post Comments [Atom]

Links to this post:

Create a Link

<< Home