leoeosseus

Tuesday, 17 April 2007

Elexía polo avó Antonio


O avó Antonio tivo a súa vida. Con dezaoito anos tocoulle pegar tiros contra irmáns e cando pasou perto da súa aldea saltou do tren cun veciño e non quixo saber máis da guerra. O campo non daba para moito e foi á cidade. Andou co estraperlo pero como era bo de máis non se fixo rico. Tocoulle marchar a Venezuela e botou varias décadas ata que se xubilou e volveu para a terriña. Desfrutaba do pulpo e do año e botaba foguetes na festa patronal e sempre convidaba porque era bo e era o patrón. Nos últimos tempos estaba baixo a tiranía dun tal Alzheimer que non logrou tirarlle a súa bondade máis que en pequenos lapsos e así tivo unha " nova " vida casado con outra muller e cos seus pais vivos e falaba co eles. Era xeneroso e daba cartos ficticios pensando que eran reais e cedía fincas para construir. E así foi ata o domingo día quince. Onte enterrámolo no camposanto parroquial mentres cantaba o cuco para dar un ano máis de vida a quen o escoitase. E eu quero supoñer que o avó Antonio fixo cantar ó cuco para darlle máis vida ós presentes como mostra derradeira da súa xenerosidade. Graciñas.

Labels: , ,

27 Comments:

At 17/04/2007, 11:36 , Blogger paideleo said...

Na foto sae Acedre que agora ten un habitante menos.

 
At 17/04/2007, 12:07 , Anonymous Anonymous said...

Acedre terá un habitante menos, pero si hai ceo éste terá unha alma máis, e se non o hai podo asegurarche que el vivirá nas nosas lembranzas, nos nosos corazóns e en nós mesmos, sangue da súa sangue, no sorriso do Leo e Fiz e en todo o bo que nos aconteza. Vivan o pulpo e as festas!

 
At 17/04/2007, 14:59 , Anonymous Anonymous said...

Quero poñerme en contacto co pai de Leo para facer unha reportaxe sobre blogs de nenos. Escríbovos do xornal El Progreso e chámome Sabela Corbelle. Se non tedes inconvinte, podedes poñervos en contacto comigo neste enderezo:scorbelle@elprogreso.es. Grazas.

 
At 17/04/2007, 15:16 , Blogger XurxoCimadeVila said...

Eu conhecin o teu avo, acordome aínda cando era pequeno que o vía de vez en cando subir co visa blanco por alí arriba. Tocáronlles malas epocas para querer vivir e non simplemente existir. pero aínda asi viviron e sempre nos quedara o seu exemplo tenaz por saír do fango.
Unha aperta!

 
At 18/04/2007, 01:03 , Blogger Mar e Lúa said...

Síntoo moito... Son momentos difíciles, pero hai que saír adiante. Moito ánimo e unha aperta moi forte para todos

 
At 18/04/2007, 01:40 , Blogger torredebabel said...

non morre quen sabe pervivir na memoria das persoas que o amaron e o aman en presente. Longa vida ao avó Antonio!

 
At 18/04/2007, 03:28 , Blogger Mario said...

No sitio máis insospeitado hai grandes historias, é unha mágoa que chegue o día no que quen ten que contalas xa non pode facelo.

 
At 18/04/2007, 04:49 , Anonymous A do outro lado said...

O texto é moi fermoso. Bonita homenaxe. Unha aperta moi moi grande.

 
At 18/04/2007, 08:18 , Blogger X said...

Apertas para a toda a familia.

 
At 18/04/2007, 09:02 , Blogger cris said...

Toño e mais eu sentímolo moito.

 
At 18/04/2007, 09:59 , Blogger Veloso said...

Que a terra lle sexa leve ao avó Antonio. E unha aperta moi forte para vós.

 
At 18/04/2007, 11:10 , Anonymous peke said...

Síntoo. Apertas.

 
At 18/04/2007, 12:38 , Blogger moucho branco said...

O sinto moito...

 
At 18/04/2007, 15:44 , Blogger busto.agolada said...

Coas palabras sentidas e descritivas do teu avó réndeslle unha emocionada homenaxe. Nós entendemos á túa devoción e o teu pesar e transmitímosche solidariedade.

 
At 18/04/2007, 16:32 , Anonymous xulioDRabal said...

Alguén dixo -non sei agora quen-, "cando morre unha persoa maior, é coma se ardera unha biblioteca repleta de libros". Poderíase completar á cita dicindo que eses libros inéditos, nunca existirán en ningunha biblioteca. Afortunados aqueles que tiveron a sorte de convivir coas páxinas diarias da universidade da vida deses que faleceron.
Non cabe dúbida polo que contas, que tí eres un deses afortunados, ainda que sexan estes días negros para tí e os da túa sangue.

Forza, pra diante coa vida !.

Descansa o avó Antonio nesa terra de Acedre, na Riberia Sagrada?

 
At 18/04/2007, 18:58 , Blogger Mr Tichborne said...

Síntocho moito. As túas palabras son a máis fermosa homenaxe que lle podías facer. Parecía que estiveras a falar do meu avó, do avó de todos. Polos avós.
Unha aperta.

 
At 18/04/2007, 22:33 , Anonymous F. Miguez said...

Sei por experiencia que o Alzheimer é un compañeiro para o treito final de unha viaxe tan longa, pero parece que o avó era unha desas personas que percorren todo o seu camiño con felicidade para repartir cos demais. Sorte dos que vos tocou esa felicidade, que deberedes gardar mentres él non está.
Unha aperta moi forte.

 
At 18/04/2007, 22:34 , Anonymous F. Miguez said...

Vaia, quixen dicir "o Alzheimer é un triste compañeiro".
Unha aperta a todos.

 
At 18/04/2007, 23:46 , Anonymous pepe penas said...

O teu avó Antonio decatouse xa foi moito tempo, coma moitos outros, que andar a tiros cos veciños non podía ser cousa boa. Se hai outro mundo poderá andar coa cabeza ben alta.
Sinto que nos deixara. Unha aperta

 
At 19/04/2007, 00:41 , Blogger paideleo said...

Graciñas a todos polas vosas palabras.
Que o cuco da Ribeira Sacra cante para todos.

 
At 19/04/2007, 13:19 , Blogger Mrs.Doyle said...

Shakespeare decía que as persoas non morren porque o seu sangue segue correndo vivo polas venas dos seus fillos...

Unha aperta.

 
At 19/04/2007, 21:34 , Blogger dorvisou said...

Saúde e moita reflexión.
Unha forte aperta, Pedriño.

 
At 19/04/2007, 23:20 , Blogger Suso Lista said...

Dioloteña na Ghloria.

 
At 20/04/2007, 01:50 , Blogger Torreira said...

Chego tarde mais cun "o sinto " debaixo do brazo

 
At 21/04/2007, 01:56 , Blogger mamiago said...

Creo que ainda chego eu máis tarde, pero cómo non por un comentario nesta situación, con esas verbas tan sentidas, paideleo, tes xente moi orgullosa de ser da túa familia ou de coñecerte, estou segura. Sínto moito.

 
At 24/04/2007, 01:13 , Blogger torredebabel said...

Moito me lembrei deste artigo nestes días nos que a miña avoa Xerónima loita por non morrer. Vin lelo de novo. Coma refuxio. Coma fonte de sorte e de enerxía.

 
At 18/12/2007, 12:25 , Blogger vermella said...

Preciosa homenaxe a que lle fixeches,miña nai morreu no 2005,os dous últimos anos da súa vida non recoñecía nada da realidade,a mín confundíame ca súa irmán Mercedes,e os poucos momentos nos que conectabamos algo eu era miña tia e ela contabame cousas de cando era nena.Paseino moi mal porque non nos puidemos despedir,pero tamén aprendín moitas cousas.
Sigo indo o centro de día onde ela estaba,colaboro paseando persoas que non teñen visitas,cantando cancións e en resumen actúando na súa realidade co papel que me asignen.
O que escribín inspiroumo un home que me contaba que non podía máis...
Bicos a teu avó Antonio e amiña nai Carme.
Saudos e gracias.

 

Post a Comment

Subscribe to Post Comments [Atom]

Links to this post:

Create a Link

<< Home