leoeosseus

xoves, 28 de decembro de 2006

Manolo " Ningures "



Hoxe foi o día dos inocentes e fixo frío, non tanto coma estes días atrás pero chegoulle. E falando de inocentes e noites de xiada lembrei a Manolo " Ningures ". O tal Manolo apareceu hai xa anos polos bares de Vilaguindastre. Era pequeneiro, calado e de ollar triste. Tiña pegado eternamente a un beizo un cigarro a medio consumir. Era un peneque que non se sabía de onde viñera e a onde ía. E el tampouco sabía a onde ía. Se lle preguntaba alguén a onde ía el respondía : "- A ningures". E de aí saiu o alcume porque tamén é a única persoa á quen lle oín esa palabra tan nosa pero tan esquecida pola maioría. E pasou o tempo e unha noite de inverno quedou durmido coa penequeira nun portal nunha noite fría, fría e aí quedou e por fin deu chegado ao verdadeiro Ningures.
Este posteo vai adicado a eses " inocentes" que todos coñecemos.

Na foto está Billy, un "inocente" e compañeiro de traballo en Warrenton.

Etiquetas:

9 comentarios:

Ás 29/12/06, 10:28 , Blogger O Breogán de Gáidil dixo...

Sempre hai "persoeiros" nas cidades e pobos... xente que no seu momento ou molesta ou fai gracia, pero que chaman a atención en todo momento polos seus acenos e actitudes. Xente como as Marías (as dúas en punto) ou o Selas en Compostela, ou o Pachara en Ferrol. Xente particular pero que, no momento en que desaparecen comezamos a decatarnos de que eran xente real con problemas reais, non "extras" da nosa vila.

 
Ás 29/12/06, 10:33 , Blogger Seoman dixo...

Inocentes e anonimos que poblan as ruas das nosas cidades. Un homenaxe a eles.
Nos atoparemos en ningures ou en calquer outro lado, saudos

 
Ás 29/12/06, 10:34 , Blogger besbe dixo...

Ola...veño desculparme un pouquiño...o da nena tamén foi inocentada :/

Por outra banda, tamén coñezo o caso doutra persoa de onde vivo eu que tamén ficou morto despois dunha hipotermia tras a inxesta de alcol, son historias de persoas que, como ben di o breogán, son persoas reais, non "extras". Un bico moi grande e saúdos!

 
Ás 29/12/06, 11:51 , Blogger Nébeda Piñeiro Barros dixo...

Oh, gracias (que non grazas). O teu tamén é moi bonito. :)

Alégrame atopar cada día máis blogomanía en galego. e que siga. un bico.

(xa vexo que tes a Madeleine nos links. Aí debe de estar a unión)

 
Ás 29/12/06, 15:50 , Anonymous Anónimo dixo...

Fermosa historia. Todo un personaxe literario.

 
Ás 29/12/06, 18:47 , Anonymous Anónimo dixo...

Moi fermosa historia si.

Unha aperta.
:)

 
Ás 29/12/06, 19:37 , Blogger moucho branco dixo...

mais que un post é un microrrelato lírico... moi impactante.

un saúdo.

 
Ás 30/12/06, 21:29 , Anonymous Anónimo dixo...

Feliz Aninovo, amigo. No 2007 espero pasar mais a miudo pola tua casa.
Unha aperta

 
Ás 30/12/06, 23:29 , Anonymous Anónimo dixo...

Supoño que os que nos consideramos normais non pensamos en que esa xente é real, como ben di Breogán...e con problemas e alegrías como os demais. Está claro que hoxe en día, supoño que coma sempre, ser distinto ten un prezo que non todos poden pagar...

 

Publicar un comentario

És humano ti ?

Subscribirse a Publicar comentarios [Atom]

<< Inicio