leoeosseus

Tuesday, 17 April 2018

Xela a fanarse

 
 

Xela está a perder os sachos de arriba. Xa lle caiu un e o outro abanea. Na parte de abaixo un cairo é o que tembelica no sitio e así está a nena a pouco comer e sen pechar a boca.
Agora está argallando todo o día co cubo Rubik que prefíreo a mirar a Tablet. Tamén debuxa as súas persoas con roupa floreada e nubes e montañas con virandelos ou muiños de vento e bandeiras. Pon a bandeira estadounidense e pregúntolle que bandeira é esa e dime " Barras y estrellas ".
En fin, estamos colonizados.


Labels: ,

Sunday, 15 April 2018

Música no cinema



Hai un tempiño que non imos ao cinema. O Leo xa prefire outras cousas como xogar ao fútbol ou á Fifa18 ou ao Fortnite.
Pero hoxe foi distinto porque fomos pola mañá ao cinema para escuitar música. Tocou A Gramola Gominola, un grupo que toca rock e outras músicas actuais para nenos. Non estivo mal.

Labels:

Saturday, 14 April 2018

14 de abril


Hoxe celébrase o día da república española que non está nada mal a idea de que algúns mantidos e parasitos buscasen choio coma o resto xa que todos nacemos iguais, nonsí ?.

Como facía bo día deume a arroutada e baixei a dar unha volta graaaande por Vilaguindastre.
Pasei polo túnel do " fantasma ".


Fun ata unha tenda de fotografía onde quixen refotar unha foto simpática dunha parella de noivos cunha gaita e unha pandeireta e a mensaxe " Casemos coma galegos " pero non fun capaz.

Andei, andei e andei e aprendín que cando non sabes que escribir millor é borrar parte do escrito.



Prohibido pegar carteles > Prohibido a arte.

Notei que a primavera está aquí coas cerudas e a súa saiva amarela que sanda.


Os pampullos multiplícanse.


Os favos das vespas asiáticas están á vista.



Logo volvín á civilización cos seus exemplos de enxendros en rotóndolas.


Menos mal que unhas peregrinas se desviaron porque despois de rir coa casa dos Xeiteiro seguirían rindo.


E despois non faltou o típico perdido que me pregunta por un sitio cada vez que vou camiñando anque esta vez o campo de fútbol polo que me preguntaba está a máis de tres quilómetros. Espero que non se perdera.

E isto foi o que deu este 14 de abril de 2018.

Labels: , ,

Monday, 9 April 2018

Vernáculo


Vernáculo refírese ao que é propio dun país un dunha comunidade. Ao primeiro referíase a linguas pero extendeu o significado a costumes, arquitectura ou mesmo fotografía.
A fotografía vernácula é a fotografía feita por un afeccionado sen pretensións artísticas a un momento familiar ou cotián.
Aquí deixo esta fotografía vernácula dunha tampa dun pozo negro cunha inscrición vernácula sobre a opinión dos construtores cando remataron a obra: " Vai tomar polo kú " 2?-8-2005 José Tito.

Labels:

Sunday, 1 April 2018

Blogaliza desaparece


Dáme a impresión de que todo o relacionado co galego está de capa caída e así vén a sumarse a pronta desaparición de blogaliza. O día 25 de abril elimina os contidos así que se tés un blogo ou sabes de alguén que o teña en blogaliza xa podes migrar para outra plataforma. Eu tiña este blogo de blogspot copiado en blogaliza pero entre onte e hoxe tiven que copiar o que tiña para canalblog. Esta plataforma está en francés pero é gratuita e doada de usar. Máis vale así que non eliminado. Ou sexa que:

Abur " Asegurándome de non perder ".

Ola " Para non esquecer ".

E que non sexa o un de abril para o blogo e vaia a onde non tiña que ir.

Labels: